Cos cabalos nas aulas

O proxecto Ceibes no monte escolma nun libro-DVD dez anos de traballo educativo

Aproveitar os coñecementos e o interese dos alumnos polo mundo dos cabalos foi a base coa que o IES Terra de Turonio botaba a andar en 2003 o proxecto Ceibes no monte. Logo de levar o premio Anton Fraguas, de crear un interesante web e de desenvolver un bo feixe de actividades con estes animais como eixe, a iniciativa continúa agora coa publicación dun libro-DVD que amosa a importancia do patrimonio do cabalo de monte galego.

En 2003 botaban a andar nas aulas do IES Terra de Turonio, en Gondomar, as primeiras actividades que tiñan como protagonistas os cabalos de monte. Segundo explica Santiago Veloso, un dos promotores desta iniciativa, a proposta de traballar no centro con este tema xurdiu porque "nestas parroquias son moitos os alumnos con familias que posúen cabalos ceibes. E comprobamos que teñen auténtica paixón por estes animais, que aquí son coñecidos como burras. Entón improvisamos unha exposición de ferramentas e utensilios vencellados ao cabalo e pedímoslles que trouxesen material da casa. O resultado foi sorprendente, e decatámonos de este era un elemento a ter en conta". O proxecto foise desenvolvendo e deu en exposicións, un documental e toda unha serie de contidos que foron merecedores do premio Antón Fraguas ao mellor proxecto didáctico en 2008. "Con ese premio artellamos unha exposición que percorreu diferentes centros de ensino do país. Aí xa abrimos o foco e atendemos a cuestión como o medio natural, o monte comunal, que é o que permite que estes animais anden ceibes; a pura raza galega, que a mesma que o garrano portugués; o mundo dos curros e mais a presenza do cabalo nas artes", completa.

Libro-DVD
Agora, a iniciativa dá un novo paso coa publicación de Ceibes no monte un libro-DVD no que se recollen moitos dos materiais xa publicados canda a novas propostas. "Para a exposición fixérase un traballo enorme e quedara moito material espallado, moitas cousas que non cabían, e xa desde entón estabamos coa idea de sacar o libro", explica Veloso. A nova publicación, que se presentaba ao público o pasado día 16 de xuño, recolle diferentes artigos elaborados especificamente para o proxecto. Así, un texto de Salustiano Mato, rector da Universidade de Vigo, salienta a presenza dos cabalos do monte de Vincios no Campus Universitario, "debe ser a única universidade que ten animais integrados estes animais nas súas instalacións", lembra Veloso. Canda a isto, a visión dun veterinario sobre o mundo equino ou a perspectiva das comunidades de montes compleméntanse con contidos como fotografías e ilustracións ata un total de 104 páxinas. O novo lanzamento inclúe tamén Bestiña, un conto de Santiago Veloso e de Alfredo López Tokio que percorre, con ilustracións de Andrés Meixide, a vida dun cabalo de monte desde o seu nacemento.

Multimedia
De xeito paralelo, o volume está acompañado dun DVD no que se pode ver o documental Ceibes no monte, da produtora Casa de Tolos, canda a tres vídeos rodados polos alumnos do IES que amosan os curros do concello de Gondomar: o de Morgadáns, San Cibrán (Donas) e o Galiñeiro (Vincios). Tamén se recollen os vídeos das entrevistas que se lles fixeron na radio do centro aos escritores Eva Moreda e Gonzalo Moure e mais a Xosé Luís Méndez Ferrín a recitar o seu poema Cabalos. Estes últimos autores contribúen tamén con cadanseu texto á publicación. "Eva Moreda, na novela O país das bestas abordou por vez primeira esta temática, que estaba sen traballar na nosa literatura. O texto que achega Gonzalo Moure critica o acoso que están a sufrir hoxe os cabalos en liberdade por mor dos lumes, a lexislación que obriga a lles pór un microchip e mais polo abandono dos propios gandeiros. E Méndez Ferrín publica un texto moi suxerente sobre a o cabalo nas letras do país".

Web e actividades
Para alén da exposición e do material agora publicado, o proxecto Ceibes no Monte complétase con propostas como un web no que se pode atopar material como un completo léxico vencellado ao mundo equino, debuxos dos propios alumnos e fotografías realizadas por eles e mais polos profesores dos centro. Ademais, os alumnos participaron nestes anos en propostas como visitas ao curros, ao Centro de Razas Equinas Autóctonas ou charlas de veterinarios, e eles mesmos realizaron unha demostración do paso de andadura galego. "En realidade o web non está completo nin o estará nunca porque é unha ferramenta na que imos metendo as novas actividades", lembra Veloso.

Continuidade e motivación
O proxecto está lonxe de rematar. Segundo sinala este profesor, "entendemos que é moi beneficioso para o Instituto. Hai un perfil de alumnado para quen este campo de interese é a principal motivación, e pensamos que debemos empregalo como estratexia pedagóxica. É importante que vexan que se valora un patrimonio que eles mesmos manteñen. É espectacular ver os propios alumnos nos curros, como estrelas, a sacar os cabalos". A maiores "hai alumnos que acaban traballando neste sector. No propio ciclo que temos de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural un dos módulos é sobre cabalos. Ensínaselles un pouco a coidar o animais, como tratalos e como facer rutas", lembra Veloso.

Continuar a galope
Como proxectos máis inmediatos para o futuro, este profesor apunta que "estamos a tentar que o concello sinalice o roteiro das burras, o camiño polo que baixan os animais ata o curro. No libro sinalamos ese percorrido, pero queremos que se sinalice para que a xente, se quere, poida acompañar o descenso dos animais". Canda a isto "hai propostas moi interesantes para o manter como un foco, é un patrimonio que entendemos que está moi vivo e que, como dicía Ferrín, mantívose ao longo da historia só pola organización dos propios gandeiros, sen axudas".